A expropiación dos terreos dos novos xulgados, lista en marzo

50


O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta tarde unha reunión co decano de xuíces de Pontevedra, Ignacio de Frías para informarlle do estado de tramitación da expropiación dos terreos do novo edificio xudicial de Pontevedra e como resolve o PERI da parcela a conexión dos dous edificios xudiciais para crear un complexo único. Na reunión tamén estivo presente o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, e o director xeral do Concello que tramitan o proxecto nesta fase da expropiación.

Sobre o proceso de expropiación, o alcalce informoulle que hoxe mesmo entrou no Rexistro do Concello o proxecto de expropiación das 16 parcelas que integran a parcela de 6.000 metros cadrados na que se vai a construír o novo edificio xudicial. Este proxecto será aprobado en dez ou quince días por parte da Xunta de Goberno Local, logo exporase ao público, presentaranse e resolveranse as alegacións e pasarase á aprobación definitiva. Esto supón que a finais de marzo ou principios de abril o Concello estaría en condicións de poñer os terreos a disposición da Consellería de Presidencia, encargada de executar o novo edificio xudicial.

Tamén confirmou o alcalde que o Concello xa ten consignados o millón e medio de euros necesarios para a expropiación desta parcela. Explicou que se os propietarios non estiveran de acordo coa expropiación sempre poderían recorrer ao Xurado provincial de expropiación, pero iría como peza separada e non interrumpiría  a ocupación dos terreos dado que a lei habilita esta figura.

O alcalde tamén lle explicou que o PERI está aprobado dende o pasado mes de marzo e contempla a unión dos dous edificios tanto soterradamente como en altura, respetando un gálibo de 5 metros da rúa Tomás y Valiente. É dicir, permite unir os dous edificios a partir da segunda ou terceira plantas.

O PERI tamén inclúe a necesidade de habilitar un mínimo de 360 prazas de estacionamento no novo edificio, seguindo as necesidades edificatorias que recolle a Lei do Solo do ano 2003.

O alcalde amosouse confiado en que os arquitectos que redacten o proxecto do edificio –a Xunta atópase na actualidade coas cuestións preparatorias para sacar a concurso este proxecto- se poñan en contacto cos técnicos municipais para que o proxecto recolla as condicionantes do PERI e “así a licencia será un mero trámite administrativo”.

O decano de xuíces de Pontevedra, Ignacio de Frías asegurou que as novas que recibiu do alcalde eran boas, “pero estamos vixiantes porque non corren bos tempos”. Explicou que querían coñecer como se atopaba o proceso de expropiación e que solución lle daba o PERI á conexión dos dous edificios, xa que “ao funcionar como unha unidade abaratará os custes de funcionamento”.

Tamén pediu que este edificio resolva as necesidades xudiciais de Pontevedra polos próximos 20 anos, porque a actual sede xudicial quedou pequena en só cinco anos. Na actualidade dá cabida a 14 xulgados, 6 están na sede da Audiencia e outros 3 nun edificio da rúa Germán Adrio.