Despedir o ano facendo deporte, nun ambiente divertido e con espírito solidario. A vixésimo oitava edición da San Silvestre de Pontevedra (a máis antiga e popular de cantas se celebran en Galicia) terá este 31 de decembro estas tres variantes gracias á iniciativa de establecer unha cota voluntaria de inscrición consistente na entrega dun produto de alimentación non perecedoiro con destino aos comedores sociais da cidade.
A carreira foi presentada hoxe no Concello polo responsable de Deportes, Agustín Fernández, acompañado pola directiva da Sociedade Ximnástica. O principal reto é alcanzar os 2.000 participantes, superando así os máis de 1.600 do ano anterior.
O percorrido, duns catro quilómetros é o mesmo do ano anterior con saída e chegada á praza de España, a partir das 17 horas. A proba, organizada conxuntamente pola Ximnástica e o Instituto Municipal de Deportes, conta por primeira vez co patrocinio de iberCaja, ao tempo que continúa o apoio de Froiz, Coca-Cola e Cruz Vermella.
Agustín Fernández destacou que trátase da proba que pon o colofón ao calendario anual de carreiras populares. O concelleiro, que se comprometeu a participar, anunciou que a colaboración coa Ximnástica intensificarase de cara ao ano próximo con novidades que serán presentadas proximamente.
No acto de presentación participaron tamén Ramón Touza, presidente, e Juan Romero, directivo da Ximnástica. Detallaron que as inscricións poden realizarse a partir de hoxe mesmo na web da Ximnástica. Tamén poden concretarse nas oficinas de iberCaja (rúa de Riestra), de 10 a 13 horas, durante os días 26, 27 e 28 e, finalmente, os días 29 e 30 na Casa do Turista, de 10 a13 horas e de 16,30 a 19,30 horas. Os dorsais poden recollerse nas mesmas xornadas e horarios nas oficinas de iberCaja ou na Casa do Turista, pero tamén é posible recollelos o mesmo día da carreira nas inmediacións do instituto Valle Inclán. Os produtos de alimentación poden entregarse na propia zona de saída, na praza de España, a partir das 15,30 horas.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados masculino e feminino, co habitual lacón para os gañadores. Celebrarase tamén un sorteo entre os participantes. Finalmente, haberá agasallos para todos os que finalicen.
Pablo Díaz, director técnico da Ximnástica cualificou o circuíto como benévolo. Explicou que son catro quilómetros chans, cunha pequena subida ao paso pola Zona Monumental, pensado para poder correr rápido e non presentar grandes dificultades aos novatos/as. No apartado deportivo adiantou a ausencia do dominador da proba durante os últimos anos, o marinense Víctor Riobó, quen se recupera dunha operación no tendón de Aquiles. A vitoria queda así aberta a un ramo de corredores locais encabezados por Robertas Geralavicius, Rafa Fuentes ou Óscar Vicente, sen esquecer a Álvaro Prieto ou José Antonio Ramallo. Nas mulleres, agárdase a presencia de Solange Andreia Pereira e hai expectación por ver as prestacións das locais Miriam García ou Leticia Fernández. Tampouco se descarta a asistencia de atletas portugueses que podan variar as quinielas.
Finalmente, dende a Sociedade Ximnástica faise un chamamento a todas as persoas interesadas en participar para que se inscriban e corran con dorsal. A organización conta con seguro e asistencia médica e resulta moi importante que todos/as estean correctamente identificados.