Unha aposta polos grandes eventos

91

O Concello de Pontevedra está a planificar unha programación de grandes eventos para o ano 2012 "que garantice a afluencia de persoas e que dinamice o sector servizos, o comercio e, en xeral, toda a cidade", explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na presentación desta programación, xunto ao tenente de alcalde, Antón Louro e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.

"Pontevedra aínda non é ben coñecida no exterior e necesitamos proxectar a cidade cara afora, especialmente nos meses de menos afluencia de turistas, é dicir, agás verán, entroido ou Nadal. Nestes meses trataremos que haxa un gran evento na nosa cidade", explicou o alcalde.

Nesta programación do 2012 inclúese unha etapa da Volta Ciclista a España que estará en Pontevedra do 26 ao 29 de agosto, momento no que a afluencia turística decae ata a chegada da Feira Franca. O alcalde confirmou que está a manter negociacións con Unipublic, a empresa que organiza a volta.

Polo o de agora adiantou que estará na cidade catro días, procedente en avión de Barcelona. Será chegada unha etapa contrareloxo que terá saída en Cambados e probablemente un percorrido urbano en Pontevedra dunha media hora. Tamén será cidade de paso na etapa entre Ponteareas e Sanxenxo e será a sede de descanso de toda a volta durante a súa estancia na provincia de Pontevedra. Esta estapa suporá unha ocupación dunhas 1.500 camas.

Ademais da Volta Ciclista a España, o Concello programa para o ano 2012 outros grandes eventos que permitirán manter o pulso durante os meses de escasa afluencia de visitantes á cidade.

En xaneiro está previsto unha competición internacional de Tenis; en marzo o Campionato de España de marcha, clasificatorio para as Olimpiadas de Londres; na segunda semana de setembro haberá o Campionato de España de Tríatlon. Tamén están confirmados o Campionato de España de Taekwondo, alomenos unha competición estatal de Natación; un campionato internacional de xadrez, tamén de squash, así como un congreso de veterinarios coa asistencia de máis de 1.000 profesionais de toda España.

Antón Louro destacou que se trata dunha política transversal do conxunto do Goberno local, que ten como principal preocupación combatir a destrucción de emprego.