A Concellaría de Normalización Lingüística pechará o ano que o Concello de Pontevedra adicou ao escritor Xoán Manuel Pintos cun acto que se celebrará o sábado, 17 de decembro, no barrio do Burgo, onde naceu o autor da “Gaita gallega”.
Programa de actos de clausura do Ano Pintos, organizados en colaboración coa Asociación Sociocultural do Burgo:
– 19,30 h. Descuberta dunha placa na rúa da Santiña (confluencia coa av. da Coruña), onde naceu o escritor.
– 20 h Clausura do Ano Pintos na rúa Manuel Murguía: alfombra floral conmemorativa (seguindo bocetos do debuxante Kiko Dasilva), lectura dramatizada de poemas e actuación do Coro da Asociación Sociocultural do Burgo e da Coral Polifónica de Sobradelo.
O Ano Pintos comezou cun acto institucional consistente nunha sesión plenaria da Real Academia Galega en Pontevedra e completouse cunhas Xornadas de normalización, un novo roteiro: o roteiro Pintos, que está sendo moi demandado, que ía complementado cunha publicación, o Congreso Pintos, o Premio Xoán Manuel Pintos que este ano recaeu na Aula Castelao de Filosofía e na Coordinadora dos Equipos de Normalización. E remata neste mes de Nadal co peche oficial e institucional no barrio no que naceu o ilustre pontevedrés.
"Co Ano Pintos conseguimos que os obxectivos estean en marcha: poñer a figura de Pintos en valor e reflexionar sobre a necesidade da normalización do galego, polo tanto temos que seguir traballando seguindo o exemplo de Pintos”, sinala Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística.