Search
Close this search box.

A segunda fase do soterramento da rede eléctrica no centro histórico chega ao seu fin


Os traballos de soterramento do cableado da rede eléctrica no centro histórico afrontan a última parte da obra nesta segunda fase. Os técnico xa colocaron todas as acometidas e están a traballar nestes días entre as rúas Churruchaos e Charino, diante do Teatro Principal.

Nesta fase está incluído o soterramento na avenida de Santa María e toda a súa contorna (praza de Alonso de Fonseca, rúas perimetrais, e tamén Amargura). Tamén todo o Campiño de Santa María, que se acometeu paralelamente ás obras de restauración, recuperación e posta en valor dos achados arqueolóxicos, recentemente inaugurados e abertos ao público.

Concluídos estes traballos, os técnicos están a baixar o cableado das rúas Churruchaos e Charino, como puido comprobar o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará esta mesma semana nunha reunión de seguimento das obras. Deste xeito rematará a segunda fase do proxecto que terá continuidade noutras rúas do centro histórico. A primeira, iniciada no pasado mandato, fíxose en Padre Luís, Manuel Quiroga, Filiberto ou Real.

O soterramento do cableado do eléctrico do centro histórico reporta moitos beneficios para todo este ámbito. Contribúe de xeito fundamental a poñer en valor a recuperación da zona monumental que comezou hai máis dunha década coa limitación do tráfico rodado, coa recuperación das rúas, coa dinamización cultural e social de rúas e prazas…

Ademais da evidente mellora estética para a principal tarxeta de visita que ten a cidade de Pontevedra: o seu casco histórico, tamén supón un beneficio para todos os residentes xa que se cambian conexións obsoletas por novo cableado que mellorará o servizo a todos os usuarios destas rúas e prazas.

 

Compartir publicación: