Unha nova e singular estampa do centro histórico: O Campiño de Santa María

51

O Concello de Pontevedra inaugura esta tarde as obras do Campiño de Santa María cun acto oficial presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao que están convidados a Asociación de veciños Santa María, así como toda a Corporación e a ex tenente de alcalde, Teresa Casal e o ex concelleiro Guillerme Vázquez.

As obras de recuperación do Campiño de Santa María, que se prolongaron durante varios anos –especialmente pola tramitación administrativa- permitiu poñer en valor novos achádegos da historia da cidade, así como crear unha nova estampa do centro histórico. Sen dúbida, sumarase ao importante patrimonio histórico co que xa conta a Zona Monumental de Pontevedra e convertirase noutro atractivo para os nosos visitantes.

Este novo espazo arqueolóxico, no que se diferenzan á pefección os restos orixinais da muralla medieval, da Casa-Torre dos Montenegro ou varios pavimentos, das reconstruccións que se fixeron nesta recuperación, permite coñecer ao aire libre o estado do Campiño cara o século XV, a data da maior parte dos achádegos.


Muralla medieval

Pódese ver un tramo duns 66 metros da muralla medieval de ancho variable, feita así para adaptarse ao terreo. Este tramo pertence aos séculos XIV-XV.

A Casa-Torre dos Montenegro estaba situada no extremo sudoeste do Campiño, por diante da basílica, polo que a torre tapaba parcialmente a súa fachada. A primeira construcción foi do século XV e ocupaba arredor de 200 metros cadrados. O membro máis coñecido desta familia foi Tristán de Montenegro, que morreu no século XV na defensa da vila en combate contra as tropas de Pedro Madruga. Os seus restos atópanse nun sepulcro que pode contemplarse nos restos das ruínas de San Domingos.

Na intervención tamén se atoparon pavimentos modernos (de lastro e canto rodado) dos séculos XIX e XX que están relacionados co acceso á Basílica, xa que o resto do Campiño era de terra.