A Aula Castelao e os equipos de Normalización recibiron o premio Pintos

90

A Concellaría de Normalización Lingüística celebrou este venres a gala de entrega dos premios Xoán Manuel Pintos 2011 no Pazo de Mugartegui. Os premios están concedidos polo Concello de Pontevedra e pola Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL).

O premio ten o obxectivo de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento. Ademais, este ano o galardón cobra un sentido especial, ao inserirse dentro dos actos do Ano Xoán Manuel Pintos co que o Concello de Pontevedra celebra o bicentenario do nacemento deste autor, un dos pioneiros no compromiso coa defensa e a divulgación da lingua galega na súa obra.

Este ano os premiados son a Aula Castelao de Filosofía e á Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, cunha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano.

O xurado salientou o traballo da Coordinadora no só polo labor que está a facer como asociación, senón tamén porque exemplifica e aglutina os equipos de normalización lingüística de todo o país. Concedeulle o premio ao labor desenvolto durante o ano en curso.

O xurado tamén decidiu que o premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a súa traxectoria recaia na Aula Castelao de Filosofía. Esta asociación leva trinta anos a defender a lingua galega, tal e como recollen nos seus obxectivos fundacionais. A súa traxectoria estivo sempre fortemente implicada co compromiso activo coa nosa lingua e a nosa terra. Cada ano, a Aula fai posible que o galego sexa unha lingua normal na transmisión e no debate do pensamento científico máis actual.

Ademais, propuxo facer unha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano como Vieiros, A Nosa Terra, Xornal Diario, Galicia Hoxe e A Peneira. As profesionais e os profesionais destes medios traballaron defendendo a lingua, a cultura e a información en galego. A extinción dos medios de comunicación na nosa lingua impídelles continuar co seu labor de compromiso co país e co galego.

A gala de entrega dos premios contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e do concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez. Aínda que non ten consignación económica, os premiados recibirán un pergameo outorgando o premio.

O acto estivo conducido por un representante de Rei Zentolo, empresa que recibiu o premio Pintos 2009, e participaron a sopramo Concepción Rodríguez e o pianista José Agustín Candisano que interpretaron “As lixeiras anduriñas” de Golpe Varela e “As floriñas dos toxos” de Noriega Varela. No peche da gala interpretaron “Os teus ollos”, de Curros Enríquez e “Meus amores” de Golpe Varela.