Aprobado con nota alta a nova circulación na zona leste

76

 

A circulación na zona leste da cidade ten mellorado desde que entraron en funcionamento os dous novos viais na Parda e en Valdecorvos, de tal xeito que o corte de Loureiro Crespo supuxo un alivio na circulación a motor en xeral. Foi a conclusión que presentou hoxe en rolda de prensa o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, ao avaliar os 20 días da posta en servizo deste dispositivo de mobilidade.

 

Segundo os datos dos que dispón o goberno municipal, a circulación a motor aumentou levemente no Camiño Vello de Castela (por donde decorre o tráfico que se adentra na cidade desde Santa Margarida e Monte Porreiro), se ben non chega a resultar problemática neste ponto de confluencia con Xosé Malvar.

 

Dos dous novos viais, o que máis tráfico rexistra é o da Parda, e o que menos o de Valdecorvos, algo que Mosquera relacionou coa maior facilidade do deseño do primeiro. Con todo, o concelleiro anunciou pequenos reaxustes que deben facerse nalgunha das novas redondas, pero ás que restou importancia, xa que se trata de detalles de escasa relevancia, pero que mellorarán a facilidade de circulación dalgúns automóbiles.

 

Mosquera anunciou que o comportamento do tráfico a motor nos novos viais era previsíbel, dado que os entre 16 e 22.000 vehículos que se concentraban na redonda próxima ao asilo, dividíronse en tres: as dos dous novos viais e a do Camiño Vello de Castela.

 

O concelleiro aproveitou este balanzo para felicitar tanto ás empresas como a todos os operativos públicos que tomaron parte no dispositivo, especialmente aos servizos técnicos municipais e a Policía Local.