O alcalde coñece o traballo de investigación e producción de Hifas da Terra

93

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá as instalacións da empresa pontevedresa, Hifas da Terra que acaba de obter o Premio de Excelencia a la Innovación para mujeres rurales que outorga o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e tamén Premio Jóven Empresario de Galicia 2010. Estivo acompañado de Demetrio Gómez, concelleiro delegado da parroquia de Bora, onde se sitúan as instalacións de Hifas da Terras.

Logo dunha visita ao seu novo Centro de Interpretación aberto á toda a cidadanía, do laboratorios, das plantacións, dos invernadoiros… o alcalde destacou que “Hifas da Terra é unha empresa innovadora, punteira na investigación do aproveitamento dos usos do monte en relación co cogumelo. Pero, vai máis alá, coa producción de especies autóctonas tratadas contra certas plagas como o castiñeiro contra a tinta; especializada na microrrización en aproveitar o bosque para producir cogumelo; traballa en investigación e en usos terapéuticos do fungo con universidades de toda España con resultados palpables e, incluso, con relacións directas con laboratorios a nivel mundial”.

Fernández Lores destacou que Hifas da Terra “é a grande descoñecida das empresas de Pontevedra”. Apostou por favorecerlle o traballo e darlle continuidade porque “ten un grande futuro, tanto na producción de riqueza, en xeral, como na creación de postos de traballo”. Asegurou que “é convinte que se saiba que en Pontevedra hai investigadores que traballan para poñer en valor o monte nun momento no que as políticas autonómicas non están indo por este camiño. O camiño que propón Hifas da Terra é lento pero seguro, e favorece a dinamización do uso do monte no futuro”.