Constituído o Consello Parroquial de Cerponzóns

85

Os veciños da parroquia de San Vicente de Cerponzóns constituíron onte pola tarde o Consello Parroquial, dentro do modelo de Participación cidadá que está a pór en marcha o Goberno Local. Á cita foi na Casa do Pobo, contou coa presenza da concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña e do concelleiro delegado do rural, Raimundo González.

O xoves da pasada semana tamén se constituíu o Consello parroquial de Lérez, nun acto ao que tamén asistiu a concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña e  coordinador do rural, Raimundo González. O encontro celebrouse no renovado Teleclub de Lérez, cuxas obras están pendentes de remates e de completar o mobiliario.

Os consellos están concibidos como órganos de participación democrática. Neles teñen representación todos os sectores do ámbito territorial da parroquia: veciñais, comunais, culturais, etc. O seu obxectivo é planificar as actuacións do Goberno Municipal en cada parroquia e fixar prioridades a curto, medio e longo prazo a través dos plans municipais das parroquias ou barrios.

Nestes plans aparecerán as necesidades da parroquia para un período estimado de 8 anos. Estes documentos terán en conta, sobre todo, os seguintes contidos:

• Patrimonio cultural, tanto material (arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico) como inmaterial (toponimia, costumes, tradicións, literatura oral).
• Patrimonio ambiental, como auga, humedais, monte, etc.
• Mobilidade, relacionada coa mellora das infraestruturas e a seguranza viaria
• Servizos públicos, como auga e saneamentos, iluminación, recollida de residuos, etc.
• Equipamentos, como centros cívicos e culturais, parques, áreas de xogos, etc.

A redacción destes plans iniciaranse cun proceso de explicación e debate, recollida de demandas, valoración económica, priorización e secuenciación, para rematar coa aprobación do Plan e o seu seguimento.