Un convenio de 7,2 millóns para mellorar as conexións interiores da cidade

59

O Concello de Pontevedra xa dispón do borrador de convenio que asinará coa Deputación provincial sobre diversas infraestruturas viarias na cidade, e resultado dunha reunión mantida este verán o presidente da institución provincial, Rafael Louzán co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, explicou esta semana que neste convenio figuran cousas xa acordadas (de feito algunhas xa en trámite) e outras pendentes de ratificar coa institución provincial.

Xa está acordado a construción do vial que unirá o Mosteiro de Lérez con Médico Ballina (fase do acceso oeste a Montecelo). Inicialmente a construción deste vial correspondía integramente á Deputación, e agora o Concello achegará 500.000 euros. De feito, xa ten reservados estes cartos na modificación de crédito que será aprobada polo pleno neste mes, e será entregada á Deputación sempre e cando se asine o convenio.

Tamén entra dentro deste convenio a construción dun novo viario que una a cidade con Monte Porreiro e a UNED. Trátase dun vial que sairía na urbanización de Tafisa, á altura da avenida de Bos Aires, para unir no lugar dos Campos. Este vial terá un carril en cada sentido e unha beirarrúa na marxe esquerda en sentido ascendente. Este vial xa está incluído dentro do PXOM en vigor e unha boa parte dos terreos xa son públicos por ser camiños existentes. Ademais, a infraestrutura máis díficil e custosa sería o paso baixo as vías do tren, que xa está feito por parte de ADIF.

O terceiro vial que se incluiría dentro do convenio pretende mellorar a accesibilidade ao Complexo Príncipe Felipe e a Montecelo. Sería un novo vial que uniría a rotonda prevista pola Xunta nas obras de desdobramento Pino-Bora, á altura da actual gasolineira do Marco co Príncipe Felipe. Esta actuación dotará a zona leste da cidade dunha vía que substitúa o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, claramente insuficientes e non destinadas nin preparadas para soportar o tráfico actual. Esta vía tería un carril en cada sentido e unha senda ciclábel e peonil, ou no seu defecto, beirarrúas cando sexa posible pola orografía.

César Mosquera explicou que agás a conexión do Mosterio de Lérez con Médico Ballina, o custe restante das obras executaríanse a partes iguais por parte do Concello e da Deputación, e o Concello sería o encargado de redactar os proxectos (agás o de Médico Ballina que xa o fixo a Deputación) e de licitar a conexión da avenida de Bos Aires con Monte Porreiro. Pola súa banda, a Deputación comprométese a tramitación dos proxectos e a executar as expropiacións, así como a licitar o acceso a Príncipe Felipe e a Montecelo.

O custe das obras sería:

  • Mosteiro de Lérez-Médico Ballina: 1.400.000 euros
  • Avd. de Bos Aires-Monte Porreiro: 1.840.000 euros
  • Acceso a Príncipe Felipe-Montecelo: 3.960.000 euros

Un investimento global de 7,2 millóns que se financiaría en catro anualidades:

   Deputación   Concello
 2011  200.000  600.000
 2012  950.000  500.000
2013  950.000 1.000.000
 2014  1.700.000  1.300.000