Bará todo o día en Monte Porreiro

121
O concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará mantén durante toda a xornada de hoxe encontros e reunións cos distintos colectivos e entidades do barrio de Monte Porreiro –dentro das súas competencias-, para coñecer cuestións concretas e peticións dos residentes no lugar.

Dada a súa anterior competencia como concelleiro de Obras, Luís Bará xa tiña coñecido algunhas das cuestións máis importas do barrio de Monte Porreiro, pero quere un contacto máis directo cos veciños por iso marcou un día fixo de cada mes para recibilos. Será os primeiros mércores de cada mes na Casa da Cultura. O concelleiro estará no barrio durante toda a mañá e a tarde. Comezará o vindeiro 5 de outubro.

Na xornada de hoxe mantivo encontros con asociacións culturais, tamén visitou os colexios e o instituto do barrio, e rematou a mañá cunha reunión coa asociación de veciños O Miradoiro, na que tamén estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Carme Fouces, para explicarlles a situación da escola infantil, unha das demandas dos veciños.

Nesta reunión os veciños preguntáronlle pola iniciativa Pontevedra Participa e pola creación do consello de barrio que servirá para abordar e poñer en común as necesidades do barrio. Tamén lle pediron a posibilidade de usar un espazo dentro do Centro Cultural como sede da asociación, xa que se atopan nun local alugado. O concelleiro estuda esta pobilidade.

Tamén abordaron outros temas xerais do barrio, entre eles o soterramento da liña de alta tensión. Luís Bará explicoulles que está en contacto con Fenosa e coa Xunta para abordar a última fase da obra. Trataron tamén a actuación que a Xunta de Galicia ten previsto na rúa Alemaña, un proxecto que xa chegou aos servizos técnicos municipais.

Un dos temas estrelas da reunión foi a situación da Escola Infantil do barrio. Neste punto a concelleira Carme Fouces explicoulles que ante as últimas declaracións da conselleira que sostiña que o Concello non lle enviara asinado o convenio de colaboración, esta mesma mañá a Concellaría de Benestar Social Municipal volveu a remitir unha copia deste documento asinado no mes de xullo, por si houbera algún extravío na Consellería de Traballo e Benestar.

Carme Fouces explicou aos veciños que o Concello non quere ningún tipo de liortas coa apertura da Escola Infantil de Monte Porreiro “xa que non sairá beneficiado ninguén e ofrece moi mala imaxe das institucións, especialmente nun período electoral” época na que temas tan relevantes deberan quedar afastados.

A concelleira explicoulles que o Concello ten cumprida a súa parte do convenio: a construción do edificio e, incluso, a provisión de material que non estaba na súa competencia, e agora ten que ser a Xunta quen a dote de persoal. Trasladoulles a pregunta de que interese poderá ter o Concello en que permaneza pechada unha instalación de tanta importancia para o barrio e para toda Pontevedra, cando xa ten os deberes feitos?”.

Carme Fouces aseguroulles que se trata dun xeito de proceder, xa que a Consellería podería sentarse cos veciños e co Concello para pechar un calendario de apertura. Considera que cos veciños e co Concello perfectamente informados, as restriccións que se poidan derivar da situación económica actual poderían ser perfectamente entendidas, sempre e cando se fixe un calendario de apertura razonable.