15 días para abrir a rúa de José Malvar e a ponte dos Xulgados

66
En quince días a rede viaria do leste da cidade experimentará un importante cambio. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou esta mañá de que o Ministerio de Fomento ten previsto ceder ao concello os dous novos viales e abrilos ao tráfico en dúas semanas. Como xa é sabido trátase do viario que une José Malvar con Valdecorvos e a nova ponte da Parda, que une 12 de novembro con Conde Bugallal.

César Mosquera explicou que o viario de José Malvar rematará nunha rotonda provisional mentras se aclara a titularidade dunha pequena parte de terreos que é preciso invadir para executar a rotonda definitivamente. A ponte dos Xulgados tamén rematará nunha rotonda en 12 de novembro que será definitiva.

O concelleiro de Infraestruturas resaltou que a apertura destes novos viais é o compromiso adquirido por Fomento antes de proceder ao peche de Loureiro Crespo. Neste punto, Adif precisa derribar a ponte para instalar a dobre vía.

Nestes días sucederanse reunións de coordinación para concretar os plans de tráfico, que xa estaban elaborados, así como para executar as obras pendentes de entronque e outros detalles.

César Mosquera destacou que coa apertura destes dous viais permeabilizarase de xeito considerable toda a zona leste da cidade que pasa de ter só dous carris principais (Loureiro Crespo) a ter catro máis con estas dúas novas rúas, que se cederán ao Concello perfectamente urbanizadas. Ademais, tamén supón implementar considerablemente as canalizacións de augas pluviais e fecais que ate o de agora ían maioritariamente por Loureiro Crespo e tamén por Joaquín Costa. Agora multiplicarán a súa capacidade coas conexións de José Malvar e dos Xulgados.

A apertura dos dous novos viarios tamén implica mellorar a calidade de vida dos residentes na rúa Loureiro Crespo, xa que os 18.000 vehículos que circulan a diario por esta rúa da cidade estarán repartidos entre tres viarios.

Sobre o peche de Loureiro Crespo, o concelleiro non puido precisar unha data concreta dado que aínda non se coñece, pero si adiantou que a pretensión de Fomento e de pechar canto antes. As previsións do Ministerio son manter este peche durante uns 4 meses, aínda que os técnicos municipais estiman que é pouco tempo para unha obra de tal envergadura como a que se realizará neste punto.

O concelleiro de Infraestruturas explicou que o Concello espera que o peche sexa o menor tempo posible e estase a negociar coa empresa para que garanta o tránsito peonil pola zona. Neste momento as obras obrigaron a pechar o paso de peóns de 12 de novembro, de tal xeito que as persoas deben atravesar a rúa por José Malvar.

Tamén se estuda xa no uso futuro que terá a pasarela peonil entre Eduardo Pondal e Joaquín Costa, e todo apunta que se respectará o uso outorgado no Plan Xeral como zona verde.