Subención nacemento múltiple

98

Partindo do mandato constitucional, a Alcaldía, no eido das súas competencias,  pretende aprobar determinadas medidas de amparo ás familias, adoptando acordos que contribúan ao seu benestar económico e que, ao tempo, sirvan de fomento á natalidade, prestando especial atención ao caso peculiar que constitúen os partos múltiples de máis de dous nenos e/ou nenas, de xeito que dende á Administración municipal se contribúa a mitigar a incidencia que supón para a economía familiar a incorporación de 3 ou máis  membros.

1.- Constitúe o obxecto das presentes bases o de regular a concesión dunha subvención outorgada con motivo do nacemento múltiple de tres ou máis nenos e/ou nenas cuxos proxenitores sexan veciños do Concello de Pontevedra, como medida de fomento económico e social da familia e coa finalidade de contribuír a mitigar a incidencia que supón para a economía familiar a incorporación de 3 ou máis novos membros.

2.- A subvención consistirá nunha achega económica de 1.500,00€ polo nacemento de trillizos. Esta cantidade se incrementará en 500,00€ por cada fillo a partir do terceiro.
A achega municipal efectuarase con cargo á partida do orzamento xeral do Concello que se sinale polo Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade. A antedita achega económica queda condicionada á existencia de crédito orzamentario no momento no que corresponda recoñecer o dereito á percepción da subvención aos beneficiarios, debendo someterse cada expediente de aprobación do gasto á fiscalización previa da Intervención Xeral Municipal.
A contía total máxima destinada á subvención é de 12.000,00€.

3.- Son beneficiarios das subvencións os proxenitores dos nenos/as que nacesen nun parto múltiple de 3 ou máis e que sexan veciños do Concello de Pontevedra.

4.- Os beneficiarios deberán solicitar o outorgamento da subvención no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto coa súa solicitude a seguinte documentación:

−    Fotocopia do DNI dos proxenitores ou dun deles, no seu caso.
−    Fotocopia do libro de familia no que figuren inscritos no Rexistro Civil os fillos que motivan o outorgamento da subvención.
−    Certificado de empadroamento no Concello de Pontevedra dos proxenitores. Este documento poderá ser substituído por un volante de empadroamento que será xestionado de oficio.
−    Certificación da entidade bancaria relativa aos datos da conta á que se poderá transferir o importe da subvención, segundo o modelo normalizado facilitado pola Administración.
−    Declaración responsable dos proxenitores que faga constar que estes non están incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiarios e que non son debedores á facenda local, autonómica e estatal nin á Seguridade Social.

5.- De xeito excepcional, no suposto de falecemento do proxenitor/es ou por calquera outra causa que dea lugar á perda da tutela legal dos fillos que motivan a subvención poderá ser beneficiario desta a persoa/s que, conforme á lexislación vixente, acredite que ostenta a garda e custodia daqueles menores.

6.- Cumpridos os anteriores trámites e requisitos o Gabinete da Alcaldía tramitará e comprobará a solicitude de subvención, que será outorgada mediante decreto do Excmo. Sr. Alcalde, de conformidade co disposto no artigo 36.3 da  Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello. O anterior decreto, que poñerá fin á vía administrativa, será notificado aos interesados no plazo máximo de tres meses contado dende a data no que a correspondente solicitude tivese entrada no rexistro xeral do Concello.

7.- A subvención polo nacemento múltiple se concede por térense producido a antedita circunstancia, polo que se considera xustificada coa presentación por parte do beneficiario da fotocopia cotexada do libro de familia e/ou de calquera outro documento oficial que acredite que se produciu o feito que motiva o outorgamento desta achega económica, isto é, o nacemento nun parto múltiple de tres ou máis nenos e/ou nenas.
Deste xeito, o decreto do Alcalde no que se outorgue a subvención solicitada disporá tamén o pagamento daquela na contía que corresponda.

8.- Esta subvención será compatible con calquera outra axuda ou ingreso para a mesma finalidade procedentes doutras Administracións ou entes públicos ou privados.

9.- Os beneficiarios da subvención están suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto na Lei xeral de subvencións, polo que si por acción ou omisión incorren nos supostos tipificados nesa norma como infraccións serán responsables destas, sen perxuízo da obriga ao reintegro da subvención nos termos previstos na normativa reguladora das subvencións públicas.

10.- En todo o non previsto no presente decreto será de aplicación o disposto na Lei 38/2003 Xeral de Subvencións, no Regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real Decreto 887/2006, na Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, na Ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello e na Lei 30/1992 de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común. 

Ver documento PDF