Balance de obras setembro 2011

78
O concelleiro de Mobilidade e Patrimonio histórico, Luís Bará fixo onte balance da situación dos departamentos que dirixe no Concello de Pontevedra, logo de dous meses de convalencia e tras a súa incorporación paulatina ao traballo diario.
Sobre o centro histórico, Luís Bará destacou que as obras da Enfesta de San Telmo, Violiña e Maceda están totalmente rematadas a expensas dunha varanda que hai que instalar no último tramo da Enfesta de San Telmo.

Campillo de Santa María
Tamén no centro histórico as obras do Campillo de Santa María van a bo ritmo e está previsto que o remate poida ser ao longo do mes de outubro. As obras desenvólvense en dous planos distintos: a restauración dos achádegos e a pavimentación e creación dunha senda que conectará Arcebispo Malvar e Santa María. Os traballos desenvólvense en tempo, polo que a obra podería estar rematada a finais de outubro.

Valentín García Escudero
Sobre a praza de Valentín García Escudero, Luís Bará indicou que é un dos proxectos prioritarios no centro histórico. Na actualidade estase a redactar unha memoria que recolla as posibles actuacións que se poden desenvolver nese punto. Parece claro que se recuperará unha parte para a creación dun parque con praza e zona de xogos infantís, e taméns e baralla a posibilidade da musealización dunha parte dos achádegos arqueolóxicos. Neste proxecto influirá o futuro da ponte do Burgo que poderá ter preferencia peonil, unha vez que entre en funcionamento a ponte das Correntes.

O concelleiro tamén informou que a subvención de 100.000 euros entregada polo Ministerio de Cultura para a realización de distintos estudos en relación coa conservación e musealización do conxunto arqueolóxico na praza de Valentín García Escudero, empregarase para os seguintes traballos:
• Estudo de conservación de materiais mobles de madeira, incluíndo datacións radiocarbónicas.
• Estudo de estado conservación estruturas inmobles (factores alteración, patoloxías, propostas tratamento)
• Traballos de conservación preventiva de estruturas inmobles
• Estudos e informes históricos
• Estudo crono-estratigráfico, con datacións radiocarbónicas
• Estudo xeoquímico e mineralóxico
• Dixitalización 3D de estruturas inmobles
• Restauración materiais mobles (madeira, cerámico, orgánico)
• Actuacións arqueolóxicas

Restos da muralla no Mercado
Outra das decisións acordadas polo concelleiro Luís Bará é cubrir os restos da muralla medieval de Pontevedra situada no Mercado de Abastos, que na actualidade está ao aire libre. Considera que os outros achádegos do Campillo ou, incluso, do Museo provincial son de maior relevancia e entidade que estes que ate o de agora se conservaron ao aire. Por este motivo, acordouse cubrilos e poñer pavimento sobre esta zona.

Ferraría
Sobre a subvención concedida pola ONCE para cambiar o pavimento da praza da Ferraría, o concelleiro de Patrimonio histórico asegurou que o expediente está na mesma situación e está pendente de resolver a contía por parte da Organización.

Mobilidade
Na área de Mobilidade, Luís Bará explicou que este ano o Concello non se sumará aos actos da Semana da Mobilidade que se celebrará entre o 16 e o 22 de setembro, por un problema de axenda. Ademais, o concelleiro explicou que neste momento ten previsto centrar os seus esforzos en darlle un impulso ao Plan de Mobilidade presentado no mes de abril pola empresa Pettra.

Anunciou que o 22 de setembro manterá un encontro con todos os colectivos sociais (veciños, empresarios, ciclistas, terceira idade…), arredor de 300 persoas para presentar oficialmente o Plan de Mobilidade, e abrir un proceso de participación o máis amplo posible para aprobar este plan. Tamén están previstas reunións sectoriais con empresas de estacionamento, o transporte público e tamén en lugares concretos nos que as medidas que propón o Plan de Mobilidade poden afectar de xeito decisivo como o Burgo, Benito Corbal ou a Xunqueira.

O propósito é someter este Plan ao maior debate posible, coa participación dos grupos políticos municipais e chegar a aprobar un plan o máis dialogado e consensuado posible, asumindo ou non as propostas que no documento se fan. O concelleiro confía en rematar todo este proceso nun pazo de catro ou cinco meses.

Patrimonio histórico
Outra das áreas da competencia de Luís Bará é o patrimonio histórico. Explicou que ata o de agora os esforzos concentráronse no casco histórico da cidade pero o seu propósito é iniciar a recuperación do patrimonio cultural e natural das parroquias onde está situada unha das maiores riquezas de patrimonio arqueolóxico, arquectónico e etnográfico.

Muiños ou roteiros serán algúns dos focos de atención desta área que o concelleiro pretende definir coa colaboración de veciños e entidades culturais das parroquias.

Participación cidadá
Sobre a participación cidadá, Luís Bará anunciou que comezará os primeiros contactos no barrio de Monte Porreiro onde ten previsto celebrar unha reunión a vindeira semana, e a continuación cos veciños de Mourente “para pór en marcha os mecanismos aprobados para a participación cidadá”.