A segunda fase da ponte de Monte Porreiro comezará no mes de outubro

82
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación, Rafael Louzán mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para facer un seguimento de proxectos en común que ambas institución están desenvolvendo na cidade. A Ponte de Monte Porreiro, novos campos de herba sintética ou a coordinación de servizos culturais e turísticos, foron algún dos temas que se abordaron nunha reunión de dúas horas que o alcalde resumiu en “diálogo e compromiso en beneficio de Pontevedra”.

Sobre a ponte de Monte Porreiro, o presidente da Deputación –institución que dirixe os traballos- confirmou que a primeira fase estará rematada en próximas semanas e a segunda –a conexión do Mosteiro de Lérez con Médico Ballina- poderían comezar os traballos no mes de outubro. Un proxecto que ten un custe de 1,5 millóns de euros e que será asumido integramente pola institución provincial, tanto a execución como a expropiación dos terreos. Louzán inscribiu esta colaboración económica no marco dun futuro convenio que asinarán as dúas institucións para excutar outros proxectos de infraestruturas.

Rolda urbana

O alcalde explicou que o Concello en colaboración cos técnicos provinciais elaborará o proxecto do primeiro tramo da rolda urbana (entre o nó do Pino e Montecelo). Posteriormente estudiarase a posibilidade de asinar un convenio entre o Concello e a Deputación (probablemente, tamén a Xunta) para abordar a tramitación deste primeiro tramo da rolda urbana, así como a súa execución material.

Infraestruturas deportivas

No ámbito das infraestruturas deportivas, o Concello comprometeuse a desbloquear os problemas de carácter administrativo que están a ralentizar a construción dun campo de herba sintética en Marcón, e se estudia a posibilidade de completar instalacións deste tipo noutros puntos do rural pontevedrés. O Concello aínda estudia as distintas ubicacións, pero xa avanzou que poderían estar en Praceres, Salcedo ou Xeve.

Coordinación turística

Outro dos puntos abordados na reunión foi a coordinación de servizos culturais e turísticos na cidade. Tanto o presidente da Deputación como o alcalde coincidiron na necesidade de que a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello colaboren nesta materia aunando esforzos e aforrando efectivos, cun único obxectivo: vender os atractivos turísticos da cidade de Pontevedra, como capital das Rías Baixas.

O presidente da Deputación confirmou que o CITA poderá ser xestionado pola Deputación a través do Patronato de Turismo Rías Baixas ou do Museo, como fai ata o de agora coas ruínas de San Domingos, cara final de ano. Tamén apostou porque un representante do Concello de Pontevedra estea no Patronato de Turismo Rías Baixas, entre outras medidas de coordinación nesta materia na cidade de Pontevedra.