Comezan as obras de reparación de danos en Cons

72
        Como xa temos constancia, a arroiada producida na noite do 21 ao 22 de agosto ocasionou unha serie de danos na infraestrutura municipal, concretamente nun treito da rúa do Gorgullón e no lugar de Cons, na parroquia de Mourente, o que fai que as conseguintes obras de reparación teñan un carácter inminente.

        Concretamente en Cons, os danos producíronse nun tramo dun camiño que vai cara Monteporreiro. Por debaixo deste cruza un rego que, por mor das fortes choivas, incrementou notablemente o seu caudal, de xeito que os tubos que canalizaban a auga romperon, provocando serios desperfectos nese tramo da vía.

        As obras consistirán na substitución de dúas canalizacións por unhas de maior capacidade, para que poidan recoller máis auga en situacións futuras e non se volva producir un incidente así. Tamén é preciso arranxar o pavimento e demais servizos que se viron afectados. A empresa encargada da realización dos traballos é E.C. Casas, por un importe de 19.674 euros e a duración destes será dun mes.