Axudas libros escolares 2011/12

53

A Concellaría de Benestar Social
Municipal, que xestiona Carme Fouces acaba de publicar as axudas municipais
para a adquisición de material escolar para o alumnado de Educación Infantil
con destino a familias con dificultades económicas para o curso 2011/12. É a
primeira vez que a Concellaría saca en prazo a convocatoria destas axudas:
antes de que comece o curso, e comprométese a resolver todas as peticións no
vindeiro trimestre, e antes de que acabe o ano.

 

Esta
non é a única novidade da convocatoria deste ano. Aínda que se mantén a partida
global de anos anteriores, de 14.500 euros, a concelleira Carme Fouces decidiu
incrementar as contías que pode cobrar cada alumno. Pasan de 110 euros a 145
euros por alumno. Tamén cambian os baremos para as familias, de tal xeito que
poderán solicitar esta axuda as que teñan un rendemento neto (logo do pago de
alugueiro e gastos básicos) de 350 euros, cando ata o de agora é só de 324
euros.

 

A
concelleira tomou esta decisión logo de coñecer que a contía real que se
repartiu no pasado ano foi só de 5.280 euros, é dicir, o 36,4% do global da
contía.

 

Carme
Fouces explicou que a Concellaría fará un esforzo especial para que a
información sobre estas axudas chegue a todos os potenciais beneficiarios. De
tal xeito, solicitou unha colaboración especial aos centros de ensino do
municipio xa que eles coñecen mellor a situación persoal de cada alumno. Obtivo
o compromiso de que os sobres de matrícula irán acompañados de información
sobre as axudas municipais para material escolar. De feito, as familias
poderanse informar nos propios centros de ensino ou ben nos servizos da
Concellaría.

 

A
Concellaría recibe cada ano arredor de 100 solicitudes de axudas de material
escolar. Co cambio de criterio , Carme
Fouces confía en que aumenten o número de peticións e que se poida esgotar toda
a partida de 14.500 euros.

 

Con esta
nova andaina da Concellaría de Benestar Social Municipal, Carme Fouces pretende
que a sociedade pontevedresa participe en mellorar a calidade humana da cidade.
Na actual situación de crise é preciso que a sociedade pontevedresa responda
ante todos aqueles conveciños que están a ter dificultades. A colaboración é
fundamental. Neste caso, os centros de ensino e todos os sectores vinculados á
este eido.