A reparación dos danos causados pola arriada da semana pasada comezará de xeito inminente

1
       A Xunta de Goberno Local aprobou onte a contratación, por emerxencia, das obras de reparación de danos ocasionados na infraestrutura municipal durante a arroiada do 21 ao 22 de agosto, como informou o portavoz do Goberno, Raimundo González Carballo.

        Os danos van a ser reparados de maneira inminente, xa que só hai que agardar a que as empresas realicen a apertura do centro de traballo, que poderá levar unhas horas. Raimundo González recordou que as zonas nas que é preciso realizar as obras son a rúa do Gorgullón e o lugar de Cons, na parroquia de Mourente. As obras no Gorgullón fóronlle adxudicadas á empresa Aquagest por un importe de 23.648 euros mentres que as de Cons realizaraas E.C. Casas pola cifra de 19.674 euros.

       Outros asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foron, dunha banda, en relación coas obras de saneamento do rural que está a executar o Concello, o saneamento do lugar de Touceda, na parroquia de Alba. Aprobouse por un importe de 106.444,21 euros e consistirá na colocación de aproximadamente medio quilómetro de canalizacións.

        Como informara a concelleira de Servizos, Carme da Silva na súa comparecencia da semana pasada, “o máis importante desta obra é que conseguirá dar servizo xa a un 80% da parroquia de Alba”.

        Doutra banda, acordouse iniciar a resolución do contrato para realizar o proxecto básico e de execución do Museo de Historia da cidade, así como a dirección de obra. O Goberno Local acordou o pasado mes paralizar o proxecto do Museo da Historia dado o seu elevado custe (arredor de 10 millóns de euros)  para a época de crise estrutural que se está a vivir. A decisión desta mañá, é consecuencia do acordo de paralizar a construción do Museo da Historia.

        A Xunta de Goberno Local aprobou tamén 18 expedientes do ARI de Estribela, para subvencionar obras de rehabilitación de vivendas neste barrio. As subvencións oscilan entre os 4.878 e os 10.000 euros, acadando unha contía total de 102.000 euros.

          Sentenza

         A Xunta de Goberno Local tamén tomou coñecemento dunta sentenza como consecuencia dun vertido de augas residuais ao río Gafos no ano 2009. Naquel momento,  o Organismo Autónomo Augas de Galicia impuxo ao Concello unha sanción de 15.000 euros. Fixéronse as alegacións oportunas pero Augas de Galicia non as tivo en consideración.

        Unha vez esgotada a vía administrativa, recorreuse ao contencioso-administrativo, o cal fallou en favor do Concello, estimando os recursos impostos por este e deixando sen efecto a sanción imposta. A sentenza afirma que “existe a inferencia da acción dun terceiro -o que realiza o vertido de forma irregular á rede de saneamento de pluviais- cuxa actuación, certo é que non foi controlada polo concello demandante, pero sen que tampouco se alegue pola demandada a forma en que podería terse feito (…)”.