Os DJ´s da Máxima farán mover a Pontevedra a ritmo de dance

63
      A Praza de España converterase na noite de mañá venres nunha discoteca improvisada. Os DJ´s  da Radio Dance máis famosa de España, Máxima FM, chegarán ata Pontevedra para facer bailar á poboación a ritmo de dance e techno. A Festa dará comezo ás 22:30, e constituirá unha cita ineludible para todo aquel amante deste tipo de música, que poderá comprobar como sona Máxima FM en directo.

      Pero antes deste encontro nocturno co dance, haberá outros eventos musicais de interese e unha nova sesión de teatro infantil. Este último, como sempre, ás 19:30 na Praza do Teucro. Nesta ocasión, Baobab Teatro, compañía de recente formación pero cuxos integrantes posúen unha ampla experiencia no ámbito do teatro, presentará “Contos para un caldiño”. Trátase dun espectáculo de contacontos constituído por contos de libros, visuais, cantigas e interacción con obxectos, que fará voar a imaxinación dos máis pequenos.

      Tras este espazo infantil, comeza a cita coa música en diferentes espazos. O primeiro será a Ferraría ás 21 horas, onde dará comezo o concerto Rock & Band coa actuación da Banda de Música de Pontevedra xunto coa Adrián Saavedra Band. Baixo a batuta de Juan Lois Diéguez, a BMP e a Adrián Saavedra Band, integrada por Carmen Rey, Miguel Cabana, Carlos Calviño, Octavio Vargas, Ángel Acuña, Ximo Sanchis, Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra, presentarannos un proxecto escrito para grupo de rock e banda, onde se fusionarán varios estilos para crear un son innovador e atrevido.

      Seguidamente, ás 21:15 horas na zona monumental celebrarase a primeira xornada do festival Música de Tabernas, que contará coa actuación de dous grupos: Foula e Os Alegres. O grupo Foula vén de Cotobade e trátase dunha formación de gaitas e percusión que nace no berce da música tradicional para ir medrando posteriormente no eido da música folk. Os Alegres, pola súa parte, veñen desde Mourente e contan cuns 70 anos de historia ás súas costas, transmitindo o legado musical dos nosos antepasados. Ambos desfilarán por tódalas rúas do casco antigo cantando e bailando, xuntándose na Praza da Peregrina ao remate. Comezarán cunha música máis tradicional para finalizar “cun pouco de todo”. Buscan animar á xente e que esta participe danzando con eles, prolongando o espectáculo ata que o corpo aguante.

      Outros eventos que se producirán ao longo da xornada do venres son os seguintes: Ás 12:15 e posteriormente, ás 18 horas, a charanga Apeles iniciará uns pasarrúas pola cidade. Ás 13 horas, será o grupo Andaina o que actuará polas prazas e rúas. Pola tarde, ás 19 horas, dará comezo unha exhibición de Taekwondo na Praza da Peregrina. E para rematar o día, as orquestras Cosmos e Emperadores amenizarán a noite a partir das 24 horas en Montero Ríos.