Gaspar Zarrías vincula a renovación do proxecto ILES á “excelente xestión” das anteriores edicións

0

Gaspar Zarrías destacou que a renovación da achega para o proxecto ILES débese á “excelente xestión” por parte dos responsables municipais, unha xestión que convenceu á comisión avaliadora do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública. Pontevedra recibirá así 1.090.899 euros do Fondo Social Europeo. O orzamento total, sumada achega que fará a Concellería de Promoción Económica, chegará aos 1.363.624 euros.
O Concello disporá así de financiamento para manter un programa que Carlota Román, responsable da Concellería de Promoción Económica, quere desenvolver durante un período de tres anos para acoller a un total de 390 persoas paradas. Ata agora, o grao de inserción laboral acadado foi dun 55%. Unhas 300 empresas facilitaron a realización de prácticas aos cursillistas. A valoración dos usuarios, a través dos cuestionarios oficiais foi de 4,7 puntos sobre un máximo de cinco. Todos estes datos serviron para que Zarrías destacase “o bo traballo” realizado nestes últimos anos dende a Concellería de Promoción Económica.
Zarrías explicou que Pontevedra acóllese deste xeito aos beneficios do Fondo Social Europeo, destinado a municipios de máis de 50.000 habitantes. Subliñou que a actual programación, da que se benefician cinco rexións españolas, remata no 2013, pero o Goberno está tratando de que se prorrogue por outro período adicional.
Por outra parte, o secretario de Estado concordou plenamente coas reflexións de Miguel Anxo Fernández Lores sobre a escaseza no financiamento dos concellos, administracións que soportan en primeira liña as demandas dos cidadáns e que se ven obrigadas en moitas ocasións a atender servizos que non son da súa competencia. Fernández Lores avogou por unha simplificación administrativa que concentre servizos no chanzo municipal, pero que, ao tempo se vexa acompañada dun correcto financiamento.
Gaspar Zarrías anunciou que o Goberno de España decidiu hai un mes incrementar nun 14% a partida orzamentaria destinada ás transferencias aos concellos para o próximo exercizo. No caso de Pontevedra vai supor 2,1 millóns de euros a maiores, elevando a cifra que transfire o Estado ata os 17,6 millóns de euros. Na provincia o incremento será de 42,1 millóns de euros, elevando o volume das transferencias estatais ata os 352,6 millóns de euros. En Galicia a suba será de 128 millóns de euros e o total transferido aos concellos da nosa comunidade de 1.074 millóns de euros.