Balance Benestar Social

123

Carme Fouces, concelleira de Benestar Social
Municipal, espuxo esta mañá a situación actual da área que xestiona, así como
os fundamentos nos que se baseará a súa política e as liñas estratéxicas a
seguir de cara ós próximos catro anos mantendo o mesmo esforo inversor actual.
Comparando a situación actual da área coa pasada, afirmou que non vai
exercer unha política rupturista, “os aspectos que funcionaban correctamente
seguiranse mantendo, pero tendo en conta as circunstancias económicas que
estamos vivindo, fan preciso axustar e reformular certos plans”, asegurou a
concelleira.

 

A concelleira fixo
un balance da situación actual do seu departamento, logo de manter numerosas
reunións tanto co persoal municipal como de asociacións e colectivos que
traballan día a día no mundo social. Explicou que a área de Benestar está
dividida en varios servizos, dos que destacan fundamentalmente dous: a área de Servizos
Sociais e a de Drogodependencias.

 

Os Servizos Sociais están atendidos por un
staff técnico municipal que atende á cidadanía en  moi diversas cuestións: axuda ao fogar, sistema de
emerxencia social, lei de dependencia… Polo tanto, no que vai de ano
incrementaron nun 50% o número de consultas, en relación ao primeiro semestre
do ano anterior. Máis 1.680 persoas solicitaron cita a un traballador social do
Concello. Carme Fouces garantiu que “se a evolución segue como ata o de agora,
existe orzamento para facer fronte ao que queda de ano”.

 

Plan de Inclusión

 

Dentro dos Servizos Sociais atópase o Plan de
Inclusión. O Concello de Pontevedra é un dos poucos concellos de Galicia que
ten este plan en marcha, consistente en priorizar a atención nos colectivos con
máis risco de exclusión social, a piques de atravesar o umbral da pobreza.

 

A
UE, nunha política de prevención, puxo en marcha un orzamento para evitar estas
situacións antes de que se produzan. Os investimentos foron remitidos ao
Estado, que á súa vez, os remitiu ás diferentes comunidades autónomas, que á
súa vez o remiten aos concellos máis significativos e ás comarcas. A Xunta de
Galicia non consignou ningún deses cartos aos concellos ou comarcas de Galicia,
polo que no caso do Concello de Pontevedra, tivo que asumir en solitario e con
fondos propios a xestión do Plan de Inclusión 2011.

 

Ante
esta situación, Carme Fouces fixo “un chamamento á Xunta de Galicia para que se
sente a falar cos Concellos, e consigne os cartos necesarios para poder manter
o Plan de Inclusión”. Lembrou que se finalmente se desfán os equipos de
Inclusión, “os concellos seguimos a manter o mesmo número de usuarios, pero sen
persoal, e diminuiría a calidade asistencial”.

Drogodependencias

 

No tocante á área de Drogodependencias, está dividida en Área
de Prevención, Área Asistencial e Unidade de Día.

 

Ademais do traballo de prevención (escolas, grupos de
mozos, consumidores ocasionais), a Área Asistencial atende 900 usuarios ao ano
e abre 150 historiais cada ano, dos cales só o 50% ou 60% están empadroados no
Concello de Pontevedra.  Neste caso
a concelleira tamén fixo un chamamento ao resto de concellos que se benefician
esta área asistencial para que se reparta o peso económico do servizo.

 

Carme Fouces fixo especial fincapé na área de inmigración
que non dispón de equipo de traballo. Explicou que no mes de febreiro a Xunta
de Galicia enviou aos concellos un convenio sen consignación económica, polo
que non foi asinado. Volveu a envialo en maio, con consignación, pero en pleno
proceso electoral. A día de hoxe, o Plan de inmigración ten unha vixencia de
tres meses (xa que agosto é inhábil), e por este tempo o Concello asumirá o
traballo, pero pide á Xunta que para o vindeiro ano envíe o convenio en tempo e
forma.

 

 A concelleira
afirmou que, polo de agora, disponse de orzamento suficiente para facer fronte
aos gastos da área de Benestar Social MunicipaL, pero a situación é complicada.
Especialmente tendo en conta que hai servizos moi demandados como os do Plan de
Inclusión, Inmigración ou a Lei da Dependencia que son competencia da Xunta de
Galicia e que non á está a exercer, e causan colapsos na administración local.

 

En resumo, “falamos dun volume de atención total de 5.000
persoas, computando como persoa unha unidade familiar. É dicir, entre o 10 e o
15% da población do municipio”, concluíu a concelleira de Benestar Social
Municipal, Carme Fouces.

 

Asociacións

 

Con respecto ás asociacións que cooperan coa
Área de Benestar, a concelleira destaca o bo ambiente que se respira e o alto
nivel de implicación social existente, “coa presenza de profesionais entregados
e comprensivos que son peza clave do traballo social”.

 

Manifestou que a Concellaría está poñendo en
marcha medidas solicitadas polas asociacións e colectivos do municipio como a
inclusión de cláusulas sociais nos contratos (no da seguridade da unidade
asistencial) ou premiar ás empresas que fomenten á aprendizaxe da linguaxe de
signos “para ter un mínimo de interacción con este importantísimo colectivo”.

 

Por último, Carme Fouces, comunicou as liñas
estratéxicas que determinarán a actuación da Concellaría nos vindeiros catro
anos e que se resumen en tres puntos:

 

·      
Persoas e familias. Como a
situación económica é complicada, é preciso paliar as circunstancias que fan
que as familias se atopen con dificultades.

·      
Un esforzo maior para
visibilizar o traballo que se realiza na Área de Benestar Social. A cidadanía
debe concienciarse e facerse copartícipe para que a área sexa o máis solvente
posible.

·      
Crear sinerxias que amplifiquen
a consecución de obxectivos. Facer máis, con menos. Ser imaxinarios,
participar. Pídese a colaboración de toda a cidadanía, dos medios de
comunicación, das asociacións… co Concello para lograr un mellor funcionamento
da área.