O alcalde e o presidente da Xunta achegan posturas polo futuro de Pontevedra

66
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta semana unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo para retomar as relacións institucionais entre as dúas administracións "coa idea de mellorar e abrir unha interlocución fluída". O alcalde asegurou que "a actitude foi positiva porque dentro dos límites que nos impón a crise económica, a idea e a proposta do presidente é intentar profundizar e chegar a acordos".

Os temas abordados co presidente foron a rolda urbana, Plan Xeral, o novo hospital Monte Carrasco, Ence, os xulgados ou o novo edificio do instituto Carlos Oroza. "O resto de asuntos serán tratados coas distintas consellerías ás que o alcalde solicitará as respectivas reunións "e confío en que esta actitude se manteña".

Ao remate da reunión explicou que "abriuse unha vía de diálogo para abordar o Plan Xeral e facer avances. Estudaremos as posibilidades para sacar adiante o plan co esforzo dos técnicos municipais e os da consellería".

O alcalde informou ao presidente da Xunta que o Concello de Pontevedra "quere executar a rolda urbana polo que presentaremos un proxecto para facer, cando menos os tramos máis urxentes". Segundo o alcalde, "a Xunta está disposta a tramitar un proxecto sectorial  que permita ao Concello facer esta infraestrutura". Tamén abordaron o compromiso da Xunta de Galicia de executar a variante de Alba que está totalmente condicionada pola falta de financiamento pola crise económica.

Ence foi outro dos puntos abordados na reunión. "A Xunta está a favor de que Ence se vaia da ría, pero eu lle dixen que era preciso enviar mensaxes claras á empresa, a través dos boletíns e diarios oficiais, de que ten que saír da ría. De tal xeito que "se a empresa ten a idea de seguir producindo en Galicia, non pode ser en Lourizán". O presidente da Xunta falou expresamente de buscar unha alternativa ben na comarca ou ben en Galicia.

As dúas administracións chegaron ao acordo de dar un pulo máis ao novo edificio xudicial do municipio. Mentras o Concello remata o proceso de expropiación dos terreos e os pon a disposición da Xunta nun prazo de 6 ou 8 meses, a Xunta comprometeu que sacaría a licitación o proxecto construtivo do novo edificio para que os dous procedementos vaian de xeito paralelo e se axilicen os prazos.

Outro dos temas tratados na reunión foi a construción do novo centro de formación Carlos Oroza, no leste da cidade. Segundo lle informou o presidente da Xunta, estase traballando no proxecto xa que a dirección do centro solicitou algunhas modificacións do proxecto actual.

Onde seguiu habendo diferencias foi na concepción sanitaria da área norte da provincia e na construción do novo hospital en Monte Carrasco. O alcalde lembroulle que en época de crise o máis razonable é ampliar Montecelo onde xa existe un hospital remodelado, e a construción do novo hospital Monte Carrasco supón máis do 60% en investimento do que se precisa para ampliar Montecelo. A conclusión do presidente da Xunta foi que neste momento a administración autonómica non ten un euro "e polo tanto é necesaria a privatización", concluíu o alcalde.

De todos os xeitos, o alcalde manifestou que "a decisión do presidente da Xunta non será coa colaboración nin cos cartos dos cidadáns de Pontevedra".

No encontro tamén estiveron presentes o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. O alcalde aclarou que xa falou co responsable de infraestruturas da Xunta para casar axendas e manter unha reunión con el nas próximas semanas.