Presentación pública de Pontevedra Participa!

124

O Teatro Principal acolleu onte o acto público de presentación do proxecto Pontevedra participa! que pon en marcha o Goberno Local para incrementar e organizar a participación cidadá no Concello. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores dirixiuse ao público que abarrotou o Principal para explicar as propostas do Goberno local nesta materia para mellorar a interlocución pública da cidade, dos barrios e das parroquias.
Fernández Lores lembrou que “estamos nun momento de crise económica que afecta a todas as institucións, e tamén aos concellos”. “É patente a nosa preocupación por iso comezamos por tomar medidas de aforro que permitirán prescindir de 7 ou 8 millóns de euros neste mandato, o que nos permitirá solicitar máis crédito, aquilatar o gasto e inxectar máis cartos na economía local, ademais de seguir prestando servizos aos cidadáns”.
“Ante esta situación de crise hai que priorizar o máximo posible, polo que todas as actuacións sexan os máis consensuadas posible e beneficien á maioría da sociedade. Por este motivo, canta máis implicación dos cidadáns, máis acertaremos todos”, explicou o alcalde, quen puntualizou que “cando a xente participa temos uns grandes resultados como se pode ver na Feira Franca ou no último Tríatlon”.
Fernández Lores indicou que “son prioritarias as actuacións en barrios e en parroquias para trasladar o modelo de calidade urbana a todos os lugares do municipio, por iso queremos contar con todo o mundo”.
Sobre as datas, indicou que ata o mes de setembro farase unha fase de organización interna e de preparación “xa que este gran proxecto precisa de dedicación, orzamento, esforzo político e medios técnicos a través de funcionarios desta casa”. É por iso que no mes de setembro comezarán os primeiros contactos a través dos dous concelleiros coordinadores das áreas do rural e do urbano, e tamén a través do seis concelleiros delegados de cada un dos territorios.
Será nese momento cando se empece a traballar na creación dos Consellos Territoriais que deberían pórse en marcha a primeiros do ano que vén. Serían nestes órganos onde se definirían as prioridades de investimento en cada ámbito.
Explicou o alcalde que o caso das parroquias é distinto ao do entramado urbano. “Nas parroquias tentaremos elaborar certa planificación de carácter global (urbanística, deportiva, de lecer, de recuperación de patrimonio, de servizos, de mobilidade…) especialmente nos denominados núcleos de centralidade parroquial”.
Aínda que é un tema por definir, parece claro que haberá un consello territorial en cada parroquia, e no caso dos barrios habería que definir cantos se crean, porque por proximidade e operatividade varios barrios pódense incluír nun só consello.
O alcalde explicou que “pretendemos que os consellos sexan o máis representativos posible de todas as asociacións e colectivos do territorio”. E as prioridades definidas nestes consellos terán reflexo nos orzamentos municipais, tendo en conta que as actuacións poden ser anuais ou plurianuais.
Antes de facer esta presentación pública, o alcalde e os dous concelleiros coordinadores das áreas rural e urbana, Raimundo González e Luís Bará mantiveron un encontro dos presidentes e diretivas das tres federacións de asociacións de veciños de Pontevedra: Castelao, Boa Vila e Teucro para informarlles deste proxecto.