Curso Alfabetización Informática

77

A convocatoria foi todo un éxito, posto que se cubriu a totalidade das prazas. E á luz das primeiras impresións, o curso nace con bo pé. Os asistentes dixeron estar encantados co profesor e cos contidos, nos que a práctica domina claramente á teórica.
O curso, que é de balde, durará dous meses. Neste tempo, os asistentes introduciranse no mundo da Internet, do correo electrónico e saberán tamén poñer en marcha un blog e perfís persoais nas distintas redes sociais. Mesmo chegarán a introducirse en conceptos tan asociados coas novas xeracións como as descargas.
A concelleira Margarita Castejón visitou hoxe a aula municipal de Informática, que está dotada de modernos equipos, e destacou que a iniciativa é unha máis a prol da igualdade. Nunha improvisada charla cos asistentes insistiu na importancia das novas tecnoloxías, que non son só o futuro, senón o presente. Animou ás persoas maiores a acercarse a este mundo e explicou a utilidade da Internet onde, subliñou, podemos atopar información e recursos para todo tipo de cuestións cotiáns, dende unha receita de cociña a planificar unha viaxe.
Castejón García engadiu que había tempo que quería poñer en marcha un curso formativo destas características e de mantelo no tempo ao incorporalo á programación formativa da Concellería, polo que se amosou encantada da receptividade que hoxe atopou entre a totalidade dos participantes.