Mesa Violencia

101

Os integrantes deste foro de debate municipal entenden que é preciso ese protocolo unificado de intervención diante das situacións de maltrato. Para a súa elaboración acordouse poñer en marcha oito mesas sectoriais de traballo para cubrir as necesidades nos ámbitos sanitario, xurídico, policial, dos servizos sociais, recursos especializados de Muller, recursos asociativos e recursos educativos. A estas mesas de traballo, que deberán presentar conclusións neste primeiro trimestre do ano, invitarase a diferentes profesionais de cada sector. O Centro de Información á Muller de Pontevedra coordinará todo o proceso.
Por outra banda, a Mesa de Violencia Machista expresou a súa preocupación pola situación do punto de encontro de Pontevedra. O servizo está xestionado por unha asociación contratada pola Xunta de Galicia, pero unha vez finalizado o contrato, hai un intento dunha nova adxudicación que, parece ser, non é viable pola escasa contía do contrato. Nestes momentos só hai catro profesionais atendendo nas cidades de Pontevedra e Vigo o que implica unha imposibilidade de cumprir coas funcións previstas. Margarita Castejón destacou que trátase dun servizo que debe ofrecer moito máis que un simple intercambio dos nenos e nenas, como se foran cromos, entre os pais.
Á xuntanza da Mesa de Violencia Machista asistiron, á parte da concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, a directora xeral de Benestar Social do Concello, Carmen Santos e o concelleiro de Seguridade, Demetrio Gómez. Había tamén representación do Colexio de Avogados, da Consellería de Educación, Policía Nacional, Policía Local, Urxencias do CHOP, Subdelegación do Goberno e a avogada e psicóloga do CIM.