SAF

98

A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, explicou que o servizo prestábase ata o de agora a través dun convenio coa Cruz Vermella, pero dado o seu volume actual e a incorporación das previsións das novas ordenanzas reguladora do Servizo e reguladora do Copago (modalidade que permite incrementar o número de usuarios ao prever o pagamento dos beneficiarios en función dos seus ingresos) fíxose preciso sacalo a concurso.
O SAF atende agora a uns 200 usuarios, pero a concelleira entende que chegará en pouco tempo a un mínimo de 250 tendo en conta por un lado a progresiva aplicación da Lei de Dependencia e, por outro, a incorporación do copago. Margarita Castejón asegurou que esta adxudicación é unha nova mostra do forte compromiso do Concello co gasto social que, engadiu, ten cada vez máis importancia dentro do capítulo de gasto corrente municipal.
A empresa adxudicataria cumpre todos os requisitos das bases do concurso e comunicou que dispón dun local de máis de 200 metros cadrados na rúa de Rosalía de Castro, que deberá acondicionar axeitadamente, e garantir tamén a disposición dun stock de produtos para realizar as “limpezas de choque” que se demanden.
Margarita Castejón subliña que na prestación do SAF intervirán, nun primeiro nivel os traballadores dos servizos sociais do Concello de Pontevedra, que se ocuparán dos labores técnicos de diagnose, seguimento e avaliación de cada caso.
A empresa adxudicataria do servizo deberá contar con tres tipos de persoal: o especializado en Traballo Social; os auxiliares de axuda no fogar para a realización das labores domésticas e/ou para o contacto directo cos usuarios e, finalmente, poderá ter persoal voluntario, sen retribución económica.
O Servizo de Axuda no Fogar prestarase tódolos días laborais da semana, en horario normalizado de 8:00 horas ata as 22:00 horas, de luns a venres durante todo o ano, e excepcionalmente, os sábados, domingos e días festivos, agás os días 24 e 31 de decembro en que se prestarán os servizos imprescindibles.
O SAF consiste na prestación de atencións en tres niveis distintos, o que abrangue coidados de carácter persoal, doméstico-coidado da vivenda e apoio psicosocial-educativo.