Rematan as obras da gardería de Monte Porreiro

81

A nova escola infantil supuxo un investimento superior aos 800.000 euros que se desglosan entre os 240.682 euros da primeira fase (na que se executou a estrutura), os 469.005,31 euros desta segunda fase que agora remata e os 105.720,67 euros que custou o mobiliario para toda a instalación, instalación de cortinas nas aulas e, finalmente, o parque infantil no patio exterior da escola, todo elo asumido como melloras pola empresa adxudicataria. O novo centro ten capacidade para 61 nenos/as de 0 a 3 anos, repartidos en catro unidades de 0-1, 1-2 e 2-3 anos.
O Concello xa comunicou oficialmente o remate das obras á Consellería de Traballo e Benestar Social. Margarita Castejón confía agora en que a Xunta estea á altura das circunstancias e poña en marcha o centro canto antes, toda vez que o presidente do Goberno autónomo, Núñez Feijoo ten sinalado como unha das súas preferencias a creación de novas prazas de gardería, servizo no que a cidade de Pontevedra segue a ser deficitaria pese á inminente posta en marcha neste mes de xaneiro dos novos centros da Parda (tamén construído con achegas municipais) e do campus universitario.
Margarita Castejón quere destacar o grao de cumprimento dos compromisos do Concello de Pontevedra co barrio de Monte Porreiro, pois neste mandato, ademais da gardería infantil, se teñen rematado as obras civís de soterramento da liña de alta tensión (pendente de que a Xunta e Gas Natural-Fenosa executen a obra eléctrica), a construción da nova rede separativa de augas pluviais do barrio (poñendo fin ás crónicas inundacións a pesar das choivas dos dous últimos invernos), a nova rede de saneamento na rúa Bélxica, a mellora do parque do Mirador, actuacións de seguridade viaria e a dotación dunha Unidade de Traballo Social, que é a única descentralizada de todo o municipio. O investimento municipal supera os tres millóns de euros.
O novo edificio da gardería de Monte Porreiro foi deseñado polo arquitecto José Luis Basanta. Está dotado de aulas especialmente luminosas e no entorno hai moito espazo para xogar e mesmo unha pequena horta concibida con fins didácticos. O proxecto contempla un edificio de andar baixo, de forma rectangular e con dous volumes ben diferenciados. O de máis altura dedicado a aulas e o de menor, a servizos. Os teitos son altos e as paredes dispoñen de grandes superficies acristaladas, especialmente nas aulas. O acceso principal realízase dende un porche cuberto, que poderá ser utilizado tamén para xogos nos días de choiva. Hai un área de aparcamento para os carros de bebé. O edificio conta tamén cunha saída de emerxencia e unha entrada de servizo.
As dependencias inclúen control de entrada e saída, vestíbulo e distribuidor xeral, catro aulas con zonas auxiliares, zona de descanso con berces para os máis pequenos, servizos hixiénicos ou para cambio de cueiros, despachos, sala de profesores, cociña, zona de lavado-secado de roupa, sala de caldeiras e almacéns. Os materiais elixidos defínense pola calidez, suavidade e seguridade, con pavimentos brandos de materiais sintéticos e teitos de madeira. Todo o edificio ten proteccións nas tomas de corrente e elementos de seguridade en portas e ventás para evitar accidentes ou lesións dos nenos/as. Dispón de calefacción por solo radiante, así como producción de auga quente e apoio á calefacción por medio de paneis solares. A superficie construída é de 454 metros cadrados, aos que se engade o porche cuberto, de 127 metros cadrados.